Friday 10 de May de 2024

Miño ultima a nova senda dun quilómetro polo bordo da marisma do río Baxoi


O Concello iniciou os traballos para bordear a marisma do río Baxoi con camiño peonil que se incorpora á nova rede de sendas.

A actuación conta cunha subvención de 80.000 euros da Consellería de Medio Ambiente con fondos NEXT GENERATION do Plan de Recuperación e Resilencia.

O Concello de Miño aposta pola recuperación dos ecosistemas do seu litoral, e á súa vez, acondicionar a infraestrutura verde do municipio para o goce de veciños e visitantes.

O proxecto consiste en mellorar as condicións ecolóxicas e ambientais das marismas do Río Baxoi e a desembocadura do Río Xarío, ambos os unidos por un estero de gran valor paisaxístico.

A actuación divídese en sete intervencións para xestionar a biodiversidade, mellorar a conectividade peonil, erradicar as especies invasoras, protexer a vexetación autóctona nos bordos fluviais-costeiros e fomentar os polinizadores.

A actuación permitirá gozar dos roteiros circulares na contorna da marisma, conectando o carreiro do Camiño inglés polo marxe sueste da marisma, con este novo itinerario peonil polo marxe noroeste. O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo destaca que “os veciños de Miño poderán camiñar por unha contorna natural privilexiada, respectando a natureza e ofrecendo novas alternativas de lecer sostible”.